PxA retoma a idea a Comisaría de Policía do Milladoiro tras os roubos a varias cafeterías

868

Entre o mércores e venres pasado 3 cafeterías do Milladoiro sufriron cuantiosos danos por roubo. 13 de 37 efectivos da Garda Civil están de baixa . PxA acusa ao Goberno de ocultar os datos e culpao do incremento de delictos en Ames

A pasada semana, entre o mércores e o venres al menos tres cafeterías do Milladoiro volveron a sufrir actos vandálicos e roubos nos seus establecementos que causaron danos cuantiosos e que deixaron ao descuberto o que Pacto X Ames leva anos advertindo, a moi deficiente dotación que ten o Cuartel Principal da Garda Civil do Milladoiro.

A Policía Local, en colaboración cos membros da Garda Civil de outro concello, tiveron que intervir porque non había efectivos no Milladoiro.

Un Posto Principal como é o do Milladoiro, debería contar con al menos 50 efectivos e apenas conta con 16, xa que dos 37 actuais, 13 están de baixa, 1 é o xefe do posto, 4 son mandos intermedios e 3 están en labores de información, 16 membros que son insuficientes para atender 365 días ao ano un territorio que comprende Ames, Teo, Brión, Vedra e Boqueixón.

O Ministerio do Interior xa publicara o pasado mes de maio que Ames foi o concello de Galicia onde máis aumentaron os delitos, en concreto un 24,3%, “batendo así un triste record” segundo a formación de Argibay.

Pacto X Ames leva anos reclamando que se preste unha maior atención á seguridade en Ames pero “ao Goberno Tripartito sáenlle sarpullidos cada vez que escoitan falar de forzas e corpos de seguridade”, engaden.

Neste caso, os núcleos máis poboados como Milladoiro e Bertamiráns están sendo os máis prexudicados, por iso PxA anuncia que volverá reclamar a implantación dunha comisaría da Policía Nacional para o Concello. Cuestión esta que xa fora avalada dun xeito contundente polos sindicatos maioritarios como a UFP (Unión Federal da Policía) ou o SUP.

Por outra banda, o Tripartito tiña que ter convocado a Xunta de Seguridade porque unha vez máis, xa está vencido o prazo regulado para a súa convocatoria, de feito, soamente convoca a Xunta de Seguridade cando se insiste dende Pacto X Ames.

Por se isto non fora suficiente, PxA denucia que agora os detidos son trasladados á cidade da Coruña o que está provocando que se perdan un mínimo de 3 horas a ida, (traslado e trámites administrativos e burocráticos) e outras 3 horas a volta cando o detido ten que pasar polo xulgado.

Sabendo que soamente hai unha patrulla, esta situación provoca que o tempo que os efectivos están a disposición descenda aínda máis, o que afecta negativamente ao servizo.

PxA acusa ao Goberno de tapar “todas estas cuestións, e outras, como que os efectivos “novos” que viñeron están en comisión de servizo e polo tanto de forma temporal (entre 6 e 8 meses)”, o que, a xuízo do localismo centrista, “demostra cada día que a man de Podemos e da esquerda máis radical imponse sobre un alcalde que debería defender a seguridade como un valor e non como un corpo de represión”, afirman.