Segue baixando o ritmo de contaxio de coronavirus

336

O incremento intersemanal de casos activos na área santiaguesa e en toda Galicia é menor cada nova semana do mes, aínda que non se chegou a deter a expansión da doenza ata agora e ese horizonte aínda queda lonxe. Unha semana máis, o número de novos casos activos segue baixando respecto aos datos acumulados o luns anterior. Hoxe a Xunta sinalou que hai 6.296 pacientes de COVID-19 na comunidade, dos cales 1.046 corresponden á nosa área sanitaria. Son 12 máis dende onte.

Hai unha semana, o día 13, eran 5.939 os casos galegos e 1.001 os de Santiago. A anterior, o día 6, eran 5.342 e 871 respectivamente. Isto significa que, durante a segunda semana do mes, a área compostelá sumou 130 novos casos, fronte aos 45 da pasada. En Galicia, a diferencia foi de case 600 novos casos do 6 ao 13 de abril, e 357 casos durante a semana pasada. Se temos en conta a primeira semana de abril, a que vai do 30 de marzo ao día 6 deste mes, a nosa área sumara 342 pacientes, e 1.866 o conxunto de Galicia. A expansión do coronavirus vaise facendo, xa que logo, cada vez máis lenta, aínda que non chegou a deterse. Vémolo, especialmente, se comparamos os máis de 4.000 casos que deixou marzo fronte aos aproximadamente 6.300 do que vai de abril.

A Coruña e Ourense, á cabeza das cifras de contaxio de COVID-19
A área da Coruña segue a ser a máis afectada de Galicia en termos absolutos, con 1.408 casos activos a día de hoxe. Sobre o total poboacional, é a de Ourense a que presenta peores datos con 1.243. A terceira é Vigo, que durante a fin de semana sumou case 50 novos casos e alcanza hoxe os 1.142. A compostelá é a cuarta área por volume de casos. Séguena a moita distancia Lugo -605 casos-, Pontevedra -508- e Ferrol -344-.

Do total de pacientes positivos, 108 permanecen en UCI, 601 están en unidades de hospitalización e 5.587 permanecen illados nos seus domicilios. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.548 altas de pacientes e houbo 455 falecementos. As mortes por COVID-19 seguen cebándose coas residencias, que tardaron en ser incluídas nas estatísticas autonómicas e teñen rondado, ata agora, sempre por riba do 40% dos casos totais. Agora mesmo, os falecementos en centros residenciais representan o 44% dos totais, con 201 casos dos 455. O número total de PCR realizadas a día de hoxe é de 67.639.