Un documental recupera o legado do Seminario de Estudos Galegos no seu centenario

133

O Seminario de Estudos Galegos tería cumprido un século de vida o vindeiro xoves, 12 de outubro. Por este motivo, o pasado sábado estreouse o documental “Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos”. Esta peza foi producida por Nós Televisión co apoio da USC e os concellos de Ames e Santiago de Compostela. Tamén colaborou o Museo de Pontevedra. O Seminario fundouse en Ortoño, na mesma casa en que viviu Rosalía de Castro.

Neste documental, a través de quince voces relacionadas coa cultura e a historia de Galicia, percórrese o legado do Seminario. Estas voces son as da vicerreitora de Cultura da USC, Pilar Murias Fernández; a bibliotecaria do Instituto de Estudos Gallegos Padre Sarmiento (CSIC), Isabel Romaní Fariña; o catedrático Henrique Monteagudo Romero; o director  do Museo Terra de Melide, Xosé Manuel Broz Rei, e a arqueóloga do mesmo museo, Cristina Vázquez Neira; a directora do arquivo do Museo de Pontevedra, María Jesús Fortes Alén; o catedrático Ramón Villares Paz; o historiador Miguel Anxo Seixas Seoane; o conservador do Museo de Historia Natural da USC, Juan Manuel Cutrín Lobato, e a técnica do mesmo Museo, Xoana Pintos Barral; a filóloga e investigadora María López Sández, e os estudantes da USC Antonio Platero Comesaña, Iago Casas Neo, Iria Peniza Rodríguez e Uxía Nieves Estévez.

Cen anos do Seminario de Estudos Galegos

En 1923 fúndase o Seminario de Estudos Galegos co impulso dunha parte do estudantado da Universidade de Compostela, como Fermín Bouza-Frey ou Xosé Filgueira Valverde, que contaban coa colaboración de profesores como Armando Cotarelo, e ao que se sumaron intelectuais do galeguismo e profesionais, como Isidro Parga Pondal que encabezará a sección de Xeoquímica. Con máis de 200 socios e socias activas e arredor de 400 persoas que actuaban de protectoras, o obxecto de estudo do SEG foi Galicia no seu conxunto. A metodoloxía céntrase na investigación de campo, nas denominadas xeiras, e a publicación. “Terra de Melide” é froito deste enfoque integral e multidisciplinar. O golpe de 1936 marca diferentes destinos para quen integra o SEG que, finalmente, é disolto en 1941.