Unha senda peonil unirá Covas con Bertamiráns

117

O Goberno de Ames construirá unha senda de Covas a Bertamiráns ao longo de case medio quilómetro. A Xunta de Goberno local deu luz verde ao expediente de contratación das obras por case 140.000 euros, dentro do Plan Ames Progresa.

O itinerario peonil mellorará os desprazamentos a pé da veciñanza. Medirá 480 metros de longo e terá case dous de ancho, con pavimento de formigón. A senda irá pola marxe dereita da estrada na súa maior parte.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, sinala que “a execución das obras desta senda garantirán que a veciñanza conte cunha alternativa de desprazamento a pé entre Covas e Bertamiráns que sexa accesible. Ademais da pavimentación da zona, vanse levar a cabo traballos de reposición do alumeado público e a sinalización do itinerario. Trátase dunha aposta do concello pola seguridade peonil. Esta actuación sumarase as recentes melloras que se están levando a cabo noutros núcleos de Ames, como a construción doutra senda peonil na parroquia de Biduído”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, explica que “esta obra vén a dar resposta a unha petición histórica dos veciños e veciñas de Covas, que é a de conectar de xeito peonil esta parroquia con Bertamiráns. Damos así un paso importante, tamén, que é seguir creando sendas que comuniquen o rural e melloren a seguridade viaria”.