270.000€ para rexenerar o campo de fútbol de Ortoño e engadirlle pistas polideportiva e de patinaxe

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “esta actuación pretende devolverlle a vida a unha infraestrutura que data do ano 1993 e leva varios anos en desuso. Este proxecto cambiará o uso que se lle estaba a dar a infraestrutura coa construción dunha pista polideportiva, outra para a práctica de patinaxe, e traballos de pavimentación e asfaltado no espazo restante”.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “estase a traballar no acondicionamento dos antigos campos para a práctica do patinaxe e do atletismo, deste xeito aproveitaremos antigos espazos deportivos, hoxe en desuso, como poden ser os campos de Ortoño e, proximamente, Ventín”.

As obras foron adxudicadas á empresa MERAKI CR SL por un importe de 221.615,95 euros mailo correspondente IVE, que ascende á contía de 46.539,35 euros, que suma un importe total de 268.155,30 euros. O proxecto está incluído no POS+ 2022 da Deputación da Coruña.

Proponse a construción dunha pista polideportiva e outra destinada fundamentalmente á disciplina da patinaxe con acabado en formigón pulido. De forma anexa a esas pistas contarase cunha explanada formada por un triplo tratamento asfáltico para ser utilizada tanto para a realización de actividades/cursos de seguridade viaria, como para a realización de diversos tipos de eventos e feiras.

O proxecto, tamén, inclúe a mellora do acceso rodado ao recinto. Para iso, executarase una nova apertura no muro de bloque de formigón de pechamento exterior existente, colocando un novo portalón de acceso e un viario coa mínima pendente para chegar á cota do campo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *