O Nadal arrinca en Ames co acendido das luces e a chocolatada

O sábado 9 de decembro celebrouse o acendido de luces que marca o inicio do Nadal amesán. No acto, que tivo lugar na praza do Concello, participou o combo da Escola Municipal de Música de Ames e os coros Voces de Maía e Elelas. Foron precisamente representantes dos coros quen acenderon as luces xunto co alcalde, Blas García, nun xesto que pretendeu recoñecer o seu esforzo e achegas á sociedade amesá. A iluminación funcionará ata o 6 de xaneiro, entre as seis da tarde e as dúas da mañá.

O acendido de luces estivo acompañado pola tradicional chocolatada, onde se repartiron máis de 6.000 churros e 700 litros de chocolate.

As luces de Ames

O municipio conta este ano con 140 elementos decorativos, que chegaron a todas as parroquias do rural. Salientan 100 arcos, unha árbore de 15,5 metros de altura na rúa Agro do Medio e unha bóla xigante na praza da Madalena. Tamén se colocaron un A tridimensional -pola inicial do concello- de dous metros e medio na praza do Concello de Bertamiráns e un 2024 luminoso de dous metros na praza da Maía. Como novidade, este ano colocáronse diferentes elementos decorativos, elaborados con material de refugallo, na entrada do parque empresarial do Milladoiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *