A praza da Maía acolle unha exposición que recolle o proceso de humanización 

121

O Concello de Ames está inmerso na execución da EDUSI Impulsa Ames que afronta xa a súa recta final. Deste xeito, presentouse unha exposición, instalada na praza da Maía de Bertamiráns, que recolle información e fotografías sobre o proceso de humanización da améndoa central de Bertamiráns.

O proxecto foi elaborado por Estudio Técnico Gallego e executado pola UTE Construcciones Cernadas SL e Vázquez Reino SL. O importe de adxudicación das obras ascendeu a 1.347.000 euros. Os obxectivos xerais da actuación foron favorecer que os percorridos cotiáns se realicen a pé; mellorar a comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes; e contribuír á  dinamización da economía e do comercio local.  Deste xeito, actuouse en seis rúas e dúas prazas (avenida da Maía, travesía da Peregrina, rúa do Rueiro, rúa Alcalde Lorenzo, rúa Entrerríos, rúa Ameneiral, praza da Maía e praza do Concello) en tres fases distintas de execución.

A través de ditas obras executouse unha plataforma continua e á mesma altura na avenida da Maía, rúa Alcalde Lorenzo e na praza da Maía, para facilitar a mobilidade, o encontro da veciñanza e maila interacción social. Tamén se abordou a remodelación da rúa do Rueiro e da Travesía da Peregrina  converténdoas nunha prolongación da praza da Maía no acceso cara ao parque do Ameneiral. Por último, estase executado a conexión das rúas Entrerríos e Ameneiral coa praza do Concello e cun itinerario peonil e ciclable.

Problemas detectados e solucións adoptadas

Existían unha serie de problemas aos cales se deu solución coas obras executadas. Había un deseño non proporcional ás necesidades dos peóns con beirarrúas moi estreitas; deficiencias no cumprimento dos estándares de accesibilidade (plataformas a diferentes alturas, acceso ás beirarrúas, etc.); e unha contorna pouco amable coa peóns.

Coa humanización da améndoa central de Bertamiráns déuselle prioridade aos espazos peonís co incremento das beirarrúas, eliminación de barreiras arquitectónicas e continuidade nos itinerarios. Tamén se calmou o tráfico reducindo a velocidade nas interseccións e coa creación de plataformas compartidas por vehículos e peóns. Por último, realizouse unha importante renovación da imaxe desta zona coa instalación de mobiliario urbano máis moderno e cunha maior coherencia nos diferentes pavimentos instalados.      

Esta actuación é unha das boas prácticas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable (EDUSI), Impulsa Ames, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Con esta actuación o Concello aborda as principais dificultades e desafíos que xorden ao amparo do crecemento físico experimentado polo municipio nas últimas décadas.

Ao acto de presentación asistiron o alcalde, Blas García; a concelleira encargada do proxecto, Susana Señorís; a técnica da EDUSI Impulsa Ames, Clara García; e mailo redactor e director do proxecto da empresa Estudio Técnico Gallego, Pablo Blanco. Tamén participaron concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular, así como José Ramón Blanco, xerente de Estudio Técnico Gallego, e Brais Vicente, xefe de obra da UTE Construcciones Cernadas SL e Vázquez Reino SL.