O Concello de Ames organiza un foro sobre comunidades enerxéticas coa vista posta no autoconsumo

173

Despois de conseguir os fondos europeos para a apertura dunha oficina de asesoramento para a creación de comunidades enerxéticas locais, a Casa da Cultura do Milladoiro acolleu durante a mañá do 22 de novembro un foro para amosar os beneficios e as posibilidades que ofrece o autoabastecemento. No evento, organizado polo Concello de Ames, participaron representantes do Goberno de España, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e FEGAMP, con Arousa en Transición e Moaña Solar, dúas potentes comunidades enerxéticas galegas. Ademais, o Concello aproveitou o espazo para difundir o proxecto de oficina de asesoramento que vai abrir para informar á cidadanía sobre os seus beneficios.

Durante o acto de apertura, na que participaron o alcalde de Ames, Blas García, e o Director de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, o rexedor defendeu que “cando xorde algo novo, a primeira que debe apostar por iso é a Administración”. Nesta mesma liña explicou que, sumándose a esta iniciativa, o seu obxectivo é que “Ames sexa unha referencia deste proxecto na provincia da Coruña”.

Mesa de diálogo de perfil técnico
A primeira mesa do foro tivo un carácter técnico, e estivo formada por Gabriele von Hunderlshausen (integrante da xunta directiva de Arousa en Transición), Víctor Pastoriza Lino (secretario e cofundador de Moaña Solar), Raquel Piñeiro López (técnica da oficina Next Generation da Deputación da Coruña) e Juan Ignacio Rodríguez Fernández-Arroyo (director do departamento de Enerxía do INEGA). Nela falouse de experiencias reais como a de Moaña Solar, unha asociación de usuarios de enerxía solar que aspira a converterse nunha comunidade enerxética local, ou a de Arousa en Transición, un colectivo medioambiental que traballa para impulsar a transición ecolóxica na illa de Arousa.

Unha segunda mesa política
A segunda mesa tivo un marcado carácter político. Nela participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e os alcaldes da Illa de Arousa e Begonte, Luís Arosa García e José Ulla Rocha. O eixo central foi a oportunidade de crecemento que supón a implantación de comunidades enerxéticas, especialmente en concellos pequenos e do rural.

Durante a conversa Formoso afirmou que iniciativas como  a oficina que se vai abrir en Ames van servir para “fomentar a recuperación demográfica nos concellos do rural da provincia” e evitar a fuga de talentos cara outros territorios. Na mesma liña se manifestaron os alcaldes de Begonte e da Illa de Arousa, quen tamén aproveitaron para falar do apoio insuficiente por parte da Xunta de Galicia e do Goberno central: “Os numerosos requirimentos e a burocracia relentizan a implantación dos proxectos e a recepción das subvencións”, sostivo Luís Arosa García, rexedor da Illa. Fronte a estas demandas, Formoso defendeu a necesidade de facilitarlles o traballo aos concellos para poñer en marcha este tipo de iniciativas, posto que “deles depende o liderado de Galicia no eido das enerxías renovables”.

Clausura do foro
Na clausura do foro estiveron presentes o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e a vicepresidenta executiva da FEGAMP, María Barral Varela.

Durante a súa intervención o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou a necesidade de colaboración entre os distintos axentes e as administracións, que teñen a obriga de previr e de protexer á cidadanía fronte ao cambio climático. Sobre esta cuestión afirmou que as comunidades enerxéticas son “unha ferramenta máis” na loita contra el, “pois permiten aproveitar o recurso no mesmo lugar que se consume e facer o uso máis eficiente posible do mesmo”.

A vicepresidenta executiva da FEGAMP, María Barral Varela, destacou que “a FEGAMP como prospectores e xestores de recursos cara as entidades locais, non fomos alleos ao crecente interese dos concellos polas comunidades enerxéticas. Así que a FEGAMP se involucrou en dous proxectos europeos, que están aprobados e en execución como son  proxecto europeo EC4RURAL, que ten como obxectivo fortalecer e transformar as relacións entre autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais, para impulsar as comunidades enerxéticas nos municipios rurais. Por outra banda, acaba de ser aprobado o proxecto CEL_RURAL, liderado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia, no que tamén participa a FEGAMP. Trátase neste caso dun proxecto Poctep Interreg, que conta cun orzamento de 1.150.000 euros, dos cales uns 600.000 serán mobilizados en Galicia”.