Actos vandálicos en rutas forestais de Ames

185

O Concello denunciou hoxe a desaparición de parte da sinalización da Ruta do Apego e da Ruta das Fragas do Tambre, situadas na parroquia de Lens. O aviso deuno a veciñanza da zona e visitantes das rutas. Desapareceron  a frecha que marcaba o inicio da Ruta do Apego, oito indicadores con topónimos do lugar e con imaxes de flora e fauna e catro balizas sinalizadoras da Ruta das Fragas do Tambre.

A Administración local puxo unha denuncia por estes actos vandálicos. Sinala que se trata dun “atentado tan grave como incomprensible contra o patrimonio público, propiedade de todas as veciñas e veciños” e lamenta que poña en risco a orientación das persoas que fan as rutas. Desde o Concello agradécese a colaboración das persoas que informaron dos estragos detectados e faise un chamamento á veciñanza para que traslade calquera información que poida ter destes feitos tanto ao propio Concello como ás autoridades.

Toda a sinalización estragada repoñerase na máxima brevidade posible, promete o Concello, ademais de sinalar que se incrementarán as medidas de seguridade “para que estes actos vandálicos non se repitan e para que ambas as dúas rutas volvan estar completas e a disposición de toda a veciñanza e de quen queira visitalas”.