Adxudicada a creación de carreiros escolares nos centros urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro

137

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto de creación de carreiros escolares que conectarán os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro cos centros de ensino. Dito proxecto foi adxudicado á empresa SYR-AMGL SL por un importe de 210.080,80 euros (IVE incluído). Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O obxectivo é crear uns carreiros escolares seguros dentro do entorno urbano que melloren a seguridade peonil.

Carreiro escolar do Milladoiro
A senda escolar prevista para o acceso ao CEP de Ventín dende a zona oeste do Milladoiro terá un trazado eminentemente rural e está divida en tres treitos. O primeiro tramo parte dende a rúa do Buxo. É un camiño de terra que haberá que acondicionalo. Para iso vaise facer un pequeno desmonte e de seguido aplicarase zahorra e 10 centímetros de cemento para dotar ao firme dun chan antideslizante.

Na intersección deste camiño acondicionado coa estrada á aldea de Ventín poñerase un paso de peóns para cruzar pola marxe esquerda da devandita calzada para continuar coa senda. Neste segundo tramo prevese que a senda discorra polo carril esquerdo anulado e quedando o carril dereito activo para vehículos en sentido Ventín coa particularidade de quedar ese viario con velocidade 20 km/h de servizo ás naves comerciais dos arredores. Deste xeito, executarase un carreiro de tres metros de ancho que disporá dun borde de separación co carril de circulación de vehículos. Neste segundo tramo tamén se contempla a colocación de luminarias.

Ao final do tramo en asfalto comentado, este conéctase cun viario de acceso á aldea de Coira e un camiño en terra que chega á porta do CEP de Ventín, polo que ese camiño constituirá o terceiro e último tramo de acondicionamento da senda. Ao igual que no primeiro treito farase un pequeno desmonte e aplicarase zahorra e cemento para dotar a este tramo dun firme antideslizante.

Carreiro escolar de Bertamiráns
A senda escolar prevista para o acceso ao CEIP da Maía e ao IES de Ames, en Bertamiráns, realizarase creando unha senda peonil na beirarrúa existente modificada na avenida da Peregrina, partindo do cruzamento coa avenida principal da Maía coa propia avenida da Peregrina. Nese inicio da rúa é onde se prevé o inicio da senda peonil con pavimento diferencial da beirarrúa existente que se implementará na actual sección da avenida da Peregrina modificando anchos de plataforma e adaptándoa ás necesidades expostas e coordinándoo con outros proxectos en marcha como son o da améndoa central e o da renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns.

O sendeiro de Bertamiráns disporá dun acho aproximado de tres metros, aínda que nalgúns tramos dito ancho terá que reducirse a dous metros e medio. Será un carreiro completamente accesible, xa que cumpre a normativa en canto ao desnivel. Para executar dito sendeiro aplicaranse 6 centímetros de aglomerado e un tratamento específico antideslizante.

Beneficios para os rapaces e rapazas
Trátase de rutas de trazado sinxelo e seguro. Rutas que favorecen que os nenos e nenas vaian aos seus centros educativos a pé ou en bicicleta, pero o seu uso e aproveitamento vai moito máis alá do eido educativo. O obxectivo é que os rapaces reconquisten as rúas, que recuperen as vilas, que poidan volver gozar dun espazo público rehumanizado, e para iso é imprescindible que poidan moverse con seguridade e autonomía.

Isto é fundamental para o seu desenvolvemento persoal e a tranquilidade das familias. Isto contribúe enormemente á súa confianza, autoestima e independencia. E non só ten efectos beneficiosos no eido emocional e psicolóxico. Con esta medida, a mellora na saúde dos menores é integral, axudando á prevención da obesidade nestas idades; diminuír o risco de enfermidades cardiovasculares; e contribúe a aumentar a masa muscular e a mellorar a saúde da columna vertebral.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que “co obxectivo de resolver o acceso de nenos/nenas e pais/nais aos centros educativos de infantil e primaria e aos institutos de educación secundaria de ambas as localidades e garantir tránsitos peonís seguros e adaptados, dende o Concello de Ames decídese crear estes carreiros de acceso aos colexios do municipio que funcionarán tamén como sendas verdes de carácter máis recreativo e estarán ao dispor da cidadanía en xeral”.