Ames segue a medrar con 24,3 nacementos por mes

A poboación do concello de Ames, a 30 de xuño de 2017, é de 31.214 habitantes.

688

Comparándoos coas defuncións, 58 entre xaneiro e xuño, o concello amosa un saldo positivo de +88

Ames é un dos concellos galegos cun mellor saldo vexetativo de Galicia. Neste primeiro semestre de 2017, o concello tivo 24,3 nacementos por mes, dando un total de 146 nacementos nos primeiros seis meses do ano. Comparándoos coas defuncións, 58 entre xaneiro e xuño, o concello amosa un saldo positivo de +88. Así os datos, a poboación do concello a 30 de xuño de 2017 é de 31.214 habitantes, un total de 671 veciñas e veciños máis desde o 1 de xaneiro de 2016. O crecemento equivale, polo tanto, a 37,2 novas altas ao mes, o que supón máis dun novo empadroamento ao día.

Asemade, ao longo deste semestre, producíronse 847 novas altas por cambio de domicilio, fronte a 552 baixas. Entre as novas veciñas e veciños, 413 son homes e 434 son mulleres. No tocante aos nacementos, hai 79 novos nenos fronte a 67 nenas no concello. Estes datos evidencian que o municipio amesán continúa a ser un dos concellos que máis medra en toda Galicia, cunha porcentaxe de poboación nova moi alta, o que sitúa a idade media da poboación amesá arredor dos 38 anos aproximadamente.

O 2016 rematou con 30.544 persoas empadroadas no concello.

Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres).

En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, superouse a cifra dos 30.000 veciñas e veciños; o INE contabilizaba este ano un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres). O 2016 rematou con 30.544 persoas empadroadas no concello.