Ames sufragará catro obras por case un millón de euros a través do POS Adicional da Deputación

80

O Concello de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a participación no plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2023 da Deputación Provincial da Coruña. O Concello de Ames correspóndelle a contía de 943.884,10 euros que se dedicarán a sufragar catro novas obras no rural, no núcleo urbano de Bertamiráns e para habilitar unha nova cociña central para o servizo municipal de comedores escolares.

O importe dos investimentos incluídos no Plan complementario 2023, por parte do Concello de Ames, ascende a 1.966.460,40 euros, e a contía asignada en este plan adicional é de 943.884,10 euros. Dado que se permiten incluír os proxectos financeiramente sostibles xa incluídos no Plan complementario, vai haber maior axilidade e rapidez na inclusión destas obras no plan adicional.

Do importe concedido a través do POS+ Adicional 2/2023 quedaría un sobrante de 5.811,61 euros que posteriormente, nunha segunda fase do plan, poden destinarse a gasto corrente de servizos públicos obrigatorios, distintos dos xa financiados con cargo ó Plan base, se así se solicitaron polo Concello, novos investimentos financeiramente sostibles non incluídos no Plan complementario.

Proxectos sufragados co POS+ Adicional 2/2023
Continuando coas melloras e reparación de camiños e estradas municipais do rural contémplase a pavimentación de viarios no núcleo de Mourigade, na parroquia de Bugallido (176.217,04 euros); e maila pavimentación de viarios no núcleo de O Galiñeiro, na parroquia de Agrón (132.014,99 euros). Tamén se recolle a mellora da mobilidade na rúa Agrelo, en Bertamiráns (329.911,30).

Noutra liña completamente distinta á citada, nesta ocasión inclúese a adecuación dunha nave existente para a implantación dunha cociña central (299.929,16 euros), coa pretensión de darlle servizo aos comedores escolares de Ames.

O alcalde, Blas García, explica que “o POS + Adicional 2/2023 permítenos dispoñer de máis de 900.000 euros para sufragar catro novos proxectos, que ao estar incluídos no Plan complementario do POS+ 2023, xa foron aprobadas no pleno do Concello e da Deputación. Trátase de importantes proxectos porque inclúen obras de mellora da mobilidade e de arranxo de camiños municipais. Estes proxectos realizaranse no núcleo urbano de Bertamiráns e nas parroquias de Bugallido e Agrón. Ademais, inclúese un proxecto para habilitar unha nova cociña central para o servizo municipal de comedores escolares”.