As ANPAs trasladan as súas necesidades ao Concello na primeira reunión do mandato

155

O pasado martes tivo lugar a primeira xuntanza do mandato entre o goberno local e as ANPAs dos centros de ensino de Ames. Estiveron presentes representantes do CEP de Ventín, o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, o IES de Ames, o IES do Milladoiro e a EEI do Milladoiro. Na xuntanza presentouse á nova concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto.

Por parte do Concello, adiantaron o seu desexo de volver reunirse coas asociacións de nais e pais a final de curso e a metade do mesmo, tras o Nadal. Tamén se tocou a situación dos comedores, e prometeuse enviar unha carta á consellería de Educación para abordar os problemas dos centros de Barouta e a Maía.

A reunión acudiu tamén a concelleira de Deportes, Susana Señorís, para tratar sobre a adaptación das escolas deportivas á demanda de actividades de conciliación, tendo en conta horarios e servizo de comedor. A concelleira abordou tamén as distintas obras que se están levando a cabo nos pavillóns municipais.

Solicitudes das ANPAs
Pola súa banda, os representantes das distintas asociacións que asistiron tiveron a oportunidade de expoñer as súas suxestións e propostas ao goberno municipal. Dende o IES do Milladoiro pediuse que se colabore coas empresas do Parque Empresarial Novo Milladoiro nos módulos e ciclos de FP, de forma que a rapazada poida facer prácticas no municipio.

Doutro lado, por parte da ANPA do CEIP Agro do Muíño solicitouse que volva a estar operativo o sistema de recollida libre dos nenos e nenas ata as 17h e cambiar e a sinalización e a localización da parada de autobús. A ANPA da Maía sumouse á solicitude do sistema de recollida libre no seu centro. Tamén reivindicou que o Concello dea solución ao problema que sofre a pista inclinada do centro. Ademais, pediuse que na se instalen bandas sonoras na estrada que se atopa enfronte do colexio para garantir a seguridade viaria.

Os representantes da Escola Infantil do Milladoiro pediron estores ou vinilos que fagan fronte ás altas temperaturas do centro no verán. Dende o goberno sinalouse que se trata dun problema de construción do edificio.

A ANPA do CEP de Ventín solicitou que as obras de mantemento se realicen durante o verán, de xeito que non interrompan as actividades durante o período lectivo. Ademais, pediron máis información dos servizos complementarios do comedor para as familias e unha sinal na parada de autobús da Rúa Palmeira.

Para rematar, fixéronse tamén dúas reivindicacións comúns e transversais a todos os centros: mellorar a privacidade das familias no tocante á utilización da aplicación Tokapp e informar ás coordinadoras dos comedores das queixas e problemáticas que poidan xurdir en horario de conciliación.