Así será o Mercado Municipal de Ames

206

Veciños e veciñas, así como comerciantes e membros de asociacións do concello asistiron no Pazo da Peregrina á presentación do anteproxecto do que será o futuro Mercado Municipal de Ames. O futuro Mercado Municipal de Ames estará situado en dúas parcelas próximas á avenida da Peregrina, en Bertamiráns. Unha delas é a parcela onde está situada a Casa de Barbazán, situada na esquina da avenida da Peregrina coa Travesía de Lodeiro, e a outra é a parcela onde está situado o aparcamento da Telleira. A superficie total será de 4.431 metros cadrados.

O proxecto organízase en tres partes. Por unha banda, contempla crear unha praza de abastos que abrirá todos os días con doce postos de venda. Para facer realidade este proxecto será preciso rehabilitar a Casa de Barbazán, que se ampliará para acoller os espazos necesarios. Haberá oito postos de froitas e verduras ou pan. Esta zona contará cunha cámara de frío e outro local de almacenaxe. Noutra zona distinta estarán os postos de carnicería e de peixería con cámaras de frío individuais. Serán doce os postos de venda de produtos frescos. Ademais do mercado pechado, o novo edificio integrará a edificación existente onde se habilitará unha cafetería e zona de degustación. No primeiro andar albergará oficinas.

A segunda fase desenvolverá un espazo cuberto para mercado dos produtores locais e dos seus produtos de proximidade que se celebrará unha ou dúas veces por semana. Este espazo exterior cuberto contará con aseos e almacén, de forma que poida acoller o mercado semanal, un espazo de reunións ou de xogo infantil. A cuberta desta zona exterior aproveitará a auga da choiva e terá paneis solares para xerar enerxía.

A terceira fase ordenará o espazo exterior, onde hoxe se sitúa o aparcadoiro, para acoller actividades de mercado ao aire libre e outros eventos. Crearase así unha praza pública pavimentada que contará con bolsas verdes de drenaxe e para plantación de arborado.

Organización do espazo

O acceso principal á praza de abastos situarase no gran vestíbulo de cristal xunto á edificación existente, respectando as vistas do hórreo e do espazo libre traseiro. Desde este vestíbulo, poderase saír cara ao aparcamento ou ao espazo de cafetería e degustación. Tamén se poderá acceder directamente ao núcleo de aseos e ao ascensor.

Os postos do mercado asomaranse ao vestíbulo e ao exterior. O espazo organizarase ao longo dun paso central con postos de venda de froita e verdura a cada lado. A través doutro acceso secundario chegarase aos postos de carne e peixe. este espazo tamén se poderá acceder polo costado leste do edificio. Á parte alta da edificación daráselle un uso administrativo.

Presentación

Na presentación, que tivo lugar ante veciñas e veciños de Ames, o redactor do anteproxecto, Jorge Duarte, da empresa Atrio Arquitectura e Urbanismo explicou que se fixo “unha aposta clara pola sustentabilidade e por facer un edificio do século XXI con criterios que se aproximaran ao consumo 0, tanto no gasto de auga como no consumo enerxético. Tamén se fixo unha aposta clara pola flexibilidade dos espazos  para que sexan adaptable e teñan varios usos”. Ademais, destacou que para elaborar o proxecto inspirouse “no paseo arborado que había xunto á Casa de Barbazán e tendo en conta que antigamente os mercados tradicionais se acostumaban facer en carballeiras, que eran lugares de encontro. Deste xeito, optouse por manter a Casa de Barbazán, algo que tiñamos claro dende o comezo, e arredor dela creamos un espazo cuberto que simula un bosque que rodea o edificio”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, indica que “un dos obxectivos fundamentais deste proxecto será potenciar o mercado de proximidade, o mercado local, o que sempre foi o comercio tradicional”. Ademais, explica que “o proxecto da praza de abastos ten que transmitir a aposta pola economía circular, pola produción local e sustentable e tamén pola redución de consumos enerxéticos no propio edificio. O edificio terá capacidade para producir enerxía de forma que o edificio poda ter un funcionamento da forma máis autónoma posible”.

O alcalde, Blas García, foi o encargado de pechar a quenda de intervencións e explicou que “en  primeiro lugar houbo que cambiar o uso urbanístico do ámbito de actuación onde se vaia a executar o Mercado Municipal para que pasase a ser de uso dotacional e así poder manter a Casa de Barbazán sen ter que derrubala. Eliximos esta ubicación porque está no centro do núcleo de Bertamiráns e porque este proxecto forma parte do proxecto de cidade pensado para Bertamiráns, onde tamén se integran os proxectos da améndoa central de Bertamiráns e maila creación do carreiro escolar, e para o que se teñen en conta criterios que marca a Unión Europea como son sustentabilidade, aforro enerxético e a mobilidade sostible”.

Tamén recalcou que se trata “dunha obra moi importante e necesaria para Ames. Cubrimos unha demanda que vai axudar a dinamizar o concello e o comercio local. A obra supera o millón de euros e neste caso o financiamento pretendemos que sexa a tres partes entre a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Ames. A Xunta de Galicia ten unha liñas de axuda para a creación de novos mercados e coa Deputación da Coruña a idea é asinar un convenio de colaboración. Agora teremos que licitar a redacción do proxecto e posteriormente licitar as obras de execución”.