Blas García reforza a lista para ser primeira forza e non descartar a maioría absoluta

567

Baixo o slogan “Ames como o queremos”, os Socialistas de Ames presentaron o xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns a candidatura de cara ás eleccións municipais do 28 de maio, a cal estará encabezada polo actual alcalde, Blas García. Unha lista onde repiten 16 persoas e que “destaca pola ampla experiencia de goberno”. Así mesmo, como dixo o candidato a alcaldía, trátase dunha lista “paritaria” e na que “gaña peso o rural” coa incorporación de novas caras nos postos altos da lista. 

A presentación da candidatura, que conseguíu o primeiro obxectivo de abarrotar o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, contou coa presenza do recente Ministro de Sanidade e veciño da localidade, José Miñones. O ex-alcalde de Ames mostrouse feliz de estar de volta en Ames en compañía dos compañeiros e compañeiras socialistas e confirmou o seu respaldo total ao candidato Blas García e ao conxunto da candidatura, convencido de que son o equipo de persoas que Ames necesita para seguir desenvolvendo o proxecto de futuro iniciado hai 8 anos.

Así mesmo, Miñones,  ademais de comprometer a colaboración continua do Goberno de España cos Concellos e con Ames, tamén quixo destacar a importancia do seu paso pola vida municipal de Ames, onde puido coñecer de primeira man a xestión máis próxima aos cidadáns, e lugar onde comezou a despregar políticas no ámbito da sanidade, o que o fixo coñecedor dos proxectos que se poden desenvolver nun eido no que os municipios non contan con competencias propias.

O alcalde, Blas García, fixo referencia ao balance de mandato, que definiu como “moi positivo para Ames” ao dar cumprimento á meirande parte do programa electoral ademais de mellorar os servizos de atención ao público, os servizos de deportes, promoción da saúde, ou de xestión económica entre outros. En efecto, o alcalde afirmou que “Ames conta hoxe con mellores servizos públicos, con máis empresas e menos paro, e cada vez máis persoas elixen Ames para vivir e formar unha familia”. Por ese motivo, Blas García indicou que o obxectivo dos Socialistas é “gañar as eleccións e ser a primeira forza. Aspiramos a obter a maioría absoluta que permita darlle futuro e estabilidade ao traballo desenvolto neste mandato”.

No acto de presentación tamén tomaron a palabra os candidatos Víctor Fernández (número 3) e Susana Señorís (número 2), ambos concelleiros durante este mandato. Víctor Fernández, que tamén posúe o cargo de voceiro do grupo socialista, quixo poñer en valor a “lealdade” e o “compromiso” dos compañeiros e compañeiras socialistas coa cidadanía de Ames, porque eles son, afirmou, “a quen nos debemos e a quen servimos, o noso traballo é facer da política unha ferramenta para solucionar problemas dos veciños e veciñas de Ames”. Pola súa banda, Susana Señorís, quixo resaltar durante a súa intervención “a capacidade de xestión dos socialistas” e a “capacidade para conseguir acordos” beneficiosos para Ames, conseguindo recursos doutras administracións, como son os fondos europeos Next Generation ou os fondos provinciais para levar a cabo “proxectos transformadores no noso concello”. En concreto, durante este mandato leváronse a cabo “máis de cen actuacións” a pesares de enfrontar o período da pandemia que paralizou boa parte da actividade no eido municipal. 

O acto tamén contou cunha parte emotiva na cal amigos e familiares describiron ás distintas persoas que integran a lista completa dos Socialistas de Ames. Entre aplausos foron subindo ao escenario nun ambiente que destilaba optimismo e esperanza de cara aos próximos comicios nos que os Socialistas de Ames esperan repetir como a forza maioritaria de Ames.

As ovacións máis pechadas foron para Gustavo Nieto, que regresa ao primeiro plano da política local e para Susana Señorís, que gaña peso específico cara a composición dun probable novo Goberno. Outro nome moi recoñecido e citado foi o de Ana Belén Paz.  

Entre os comentarios do público asistente varias referencias ás incorporacións na lista, polo reforzo e valor engadido á lista de Blas de García, do que valoraban a incorporación de persoas de recoñecida capacidade de traballo e de contacto coa veciñanza. 

Uxía García Otero, Javier Antelo Seoane, Carmen Porto Rey, Beatriz Martínez Domínguez y Ramón Bouzas Capeáns. Completan cos xa citados a lista ata o número 10.Completan a lista José Pazos Balsa, Inés Olmo González, Carlos Trías Sánchez, María Carmen Lemos González, Santiago Márquez Noya, Elisa Suárez Vázquez, Anton Rivas Seijas, Teresa Facal Castro, María Isabel González Cancela e Francisco Villaverde Marcos. Jesús Carreira Vázquez, Ofelia Mayo Romarís. José Pose Souto. María Torre París.