O clube Ribeiras do Tambre obtén dúas medallas no campionato de España e cinco no campionato galego infantil e cadete

556

Destacar a actuación do padexeiro Luís Guilbert Pérez, que quedou cuarto clasificado en K-1 1000 metros, na categoría infantil

Os rapaces e rapazas do club de piragüismo Ribeiras do Tambre seguen sumando medallas nos campionatos nos que participan. Durante o mes de xullo participaron no campionato galego de pista cadete e infantil, así como no campionato de España de sprint infantil e cadete. No campionato galego conseguiron tres ouros, unha medalla de prata e outra de bronce, mentres que no campionato de España acadaron un ouro, unha medalla de prata e un cuarto posto.

O pasado fin de semana (os días 29 e 30 de xullo) disputouse o campionato de España de sprint infantil e cadete na localidade de Trasona, en Asturias. Alí, a representación amesá realizou unha boa actuación conseguindo unha medalla de ouro, unha de prata e un cuarto posto. Gabriel Martínez Pachón gañou a proba cadete K-1 1000 metros, proclamándose campión de España. Ademais, este mesmo padexeiro acompañado de Ángel González Gómez, lograron a medalla de prata en cadete K-2 1000 metros, acadando o subcampionato de España. Tamén cómpre destacar a actuación do padexeiro Luís Guilbert Pérez, que quedou cuarto clasificado en K-1 1000 metros, na categoría infantil.

Luís Guilbert Pérez quedou na primeira posición da proba de K-1 1000 metros da categoría infantil, conseguindo o campionato galego

Por outra banda, os días 22 e 23 de xullo disputouse no complexo deportivo David Cal, situado no embalse de Pontillón do Castro de Verducido, o campionato galego de pista cadete e infantil. Neste caso, os padexeiros do club Ribeiras do Tambre conseguiron tres ouros, unha medalla de prata e outra de bronce. Gabriel Martínez Pachón foi o gañador en K-1 1000 metros da categoría cadete, proclamándose campión galego. Nesta mesma categoría, Ángel González Gómez quedou en segunda posición tralo seu compañeiro de equipo, e logrou o subcampionato de Galicia. Ademais, a parella formada por Gabriel Martínez Pachón e Ángel González Gómez gañaron a proba de K-2 1000 metros da categoría cadete, sendo campións de Galicia.

Asemade, Luís Guilbert Pérez quedou na primeira posición da proba de K-1 1000 metros da categoría infantil, conseguindo o campionato galego. Este mesmo padexeiro formou parella con Antón Rivas Seijas, para conseguir a medalla de bronce no K-2 1000 metros da categoría infantil A. Deste xeito, o Club de piragüismo Ribeiras do Tambre conseguiu uns magníficos resultados nestes torneos cun campionato e un subcampionato de España, así como tres medallas de ouro, unha de prata e outra de bronce no campionato galego.