Gran apoio da veciñanza ao acto do 25N en Ames

292

A praza do Concello ateigada e moitas persoas vestindo as camisetas conmemorativas do día. O Acto Institucional do “Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller”, celebrado onte ás 18:30 na praza do Concello, foi seguido masivamente pola veciñanza de Ames. O alcalde,  Blas García, a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo e representantes de todos os grupos políticos da Corporación Municipal leron o Manifesto que previamente fora acordado por todos os grupos con representación na corporación municipal. No acto soaron cancións reivindicativas das loitas a prol da eliminación da violencia machista interpretadas polo alumnado da EMMA e pola Plataforma Feminista de Ames. Ademais, ao tempo que cantaba o coro da PFG Ames, 37 mulleres foron ocupando os chanzos das escaleiras da Casa do Concello con cartóns negros nos que rezaban os nomes de todas as vítimas de violencia deste ano e remataron colocando un gran lazo negro como símbolo de dó polas asasinadas.  Denantes do comezo do acto, persoal da concellaría de Igualdade repartiu cadernos, alfombriñas para o rato do ordenador, paraugas e camisetas conmemorativas.