O obxectivo de InnovAmes é achegar as últimas tendencias no mundo da innovación da man das empresas do concello de Ames a todos os públicos, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparten coñecementos e sinerxías para lugar a proxectos innovadores. Ao longo de toda a xornada do venres, 26 de xaneiro, houbo charlas, mesas de debate, obradoiros, presentáronse proxectos innovadores e ofreceuse información nos stands permanentes das empresas, universidades e centros de ensino.
Neste evento houbo un total de 20 stands nos que estiveron representadas 10 empresas amesás como We Robots, Cinemar, Cartogalicia, Altia, Nanogap, Sistemius, Airvision, Codery, Impulsa Dixital e Conic Vascular. Tamén participou TEIMAS que, aínda que non dispuxo de stand, interviu en relatorios e mesas de debate.
Tamén dispuxeron do seu propio stand as tres universidades galegas: USC, Campus industrial de Ferrol (UdC) e Universidade de Vigo. Tamén participou o grupo SpaceLab, da Universidade de Vigo, persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxias – IGFAE e do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina – CINBIO, e persoal de CLUN – Cooperativas Lácteas Unidas. Durante o descanso da mañá os asistentes ao evento puideron achegarse á mesa saudable para probar os iogures de CLUN Feiraco.
Así mesmo, houbo varios stands dos centros escolares e do centro coworking A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro; e Radio Galicia – Cadena Ser emitiu o seu programa Hoy por Hoy dende o pavillón do Milladoiro para dar cobertura ao evento. Pola súa banda, a produtora Ficción Producciones, que ten a súa sede en Ames, realizou unha reportaxe pola mañá para emitir no programa Hora Galega, da TVG.
Nesta segunda edición do premio InnovAmes para proxectos educativos, participaron os alumnos e alumnas do CEIP de Barouta e do CEIP Agro do Muíño, este último con dous proxectos. O alumnado do CEIP de Barouta presentou o proxecto MeteoBarouta, mentres que os/as alumnos/as de Agro do Muíño expuxeron os proxectos O xogo da robótica e A polinización das abellas.
O primeiro premio, valorado en 2.000 euros, foi para o CEIP de Barouta polo proxecto MeteoBarouta, un proxecto sobre a aplicación da información meteorolóxica e da intelixencia artificial no sector primario. O segundo premio de 1.500 euros recaeu no proxecto O xogo da robótica, do alumnado de segundo de Educación Infantil do CEIP Agro do Muíño, a través do que as crianzas aprenderon sobre fauna e flora de Galicia.
O terceiro e último premio de 1.000 euros foi para o proxecto A polinización das abellas dos nenos e nenas de terceiro de primaria do CEIP Agro do Muíño, no que recrearon este proceso a través de mecanismos propios da robótica como sensores, eixos ou engrenaxes. A través deste premio tratouse de ofertar á comunidade educativa amesá un alicerce para implementar formación, emprendemento e innovación. Así, recoñeceuse a orixinalidade, a funcionalidade, material empregado e o valor educativo, entre outros, dos proxectos.