Nós Televisión e O Transistor álzanse cos premios Lingua e Empresa 2023

206

A gala dos premios Lingua e Empresa que organiza o Concello de Ames tivo lugar o xoves 9 de novembro. Os agraciados desta quinta edición foron Nós Televisión, do Novo Milladoiro, polo seu Uso consolidado da lingua galega; e o restaurante O Transistor, na rúa do Pedregal de Bertamiráns, como Nova incorporación á lingua. Manolo Maseda e Xurxo Souto foron os encargados de conducir e amenizar  a gala no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Foi un evento moi participativo onde estiveron presentes a práctica totalidade das empresas que se presentaron ao certame.

Este ano a temática principal da Gala estivo ligada aos Selos REGA e o lema foi “A lingua rega ás empresas de Ames”, polo que houbo claras referencias á “rega” tanto na ambientación como durante o transcurso do evento. Nesta edición, presentáronse e entregáronse os Selos REGA a todas as empresas que participaron nalgunha das edicións anteriores do Premio Lingua e Empresa. Este selo promove o uso do idioma entre a cidadanía e recoñece publicamente a contribución da entidade na mellora do uso social da lingua.

Nós Televisión, gañadora da Categoría A dos premios, salienta, a xuízo do xurado, pola súa coherencia tanto nos usos lingüísticos internos como nas súas redes e na propia programación, con contidos integramente en galego e con espazos centrados tamén na normalización lingüística en diferentes ámbitos sociais. É a única canle privada que aposta por unha programación integramente en galego.

Na categoría B, o establecemento hostaleiro O Transistor viu premiada a súa actividade regular e implicada a prol da normalización lingüística no eido da hostalaría usando o galego como elemento de marca e de imaxe do propio establecemento e por incorporar desde o seu nacemento a lingua á súa actividade, de maneira coherente e implicada, tanto en toda a comunicación interna como nos servizos hostaleiros e culturais que ofrece.

Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron unha figura conmemorativa elaborada e deseñada pola firma amesá de artesanía galega Sivereira e un diploma acreditativo, que se engaden á dotación de 1500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio cos que se premiaba cada categoría.

O alcalde e responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Blas García, destacou durante o transcurso da Gala que “estes premios non buscan só recompensar a aquelas empresas consolidadas que usan o galego como vehículo de expresión, senón que tamén buscamos incentivar o uso do idioma en todo o ámbito empresarial e entre a clientela”.

Certame Galitiktokers

Non foi o único premio en promoción da lingua galega da semana en Ames. “San Froilán”, “Cociñeiras festeiras”, “Facendo un estoque dende cero”, “O retrato de Dorian Gray, Oscar Wilde”, “O galego non é de vellos” e “Prepo Rap” foron os vídeos gañadores do Galetiktokers 2023. Os premiados déronse a coñecer nunha gala celebrada o venres 10 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, que estivo presentado e dirixido polos creadores de contido en galego, @Pradorua e @Gabiig8, e amenizado por Onda Dagda, grupo musical amesán de rock composto por mozos e mozas que ensaian na Factoría.En total repartíronse 1.800 euros en premios.