O Concello humanizará a área da Madalena, no Milladoiro

241

O Concello deu a coñecer o proxecto de humanización da contorna da praza da Madalena, no Milladoiro. Os traballos efectuaranse nas rúas Madalena, Estivada de Castelao e das Camelias, integrándoas coa praza da Madalena, co parque de Estivada de Castelao e os espazos públicos próximos. As obras potenciarán a prioridade peonil e a ampliación das beirarrúas, ademais de integrar a natureza no casco urbano a través das zonas axardinadas. Tamén se instalará mobiliario urbano accesible.

O proxecto inclúe mellorar a conexión entre as rúas da zona e trasladar á praza da rúa das Camelias o parque actualmente existente de Estivada de Castelao. O novo parque infantil terá maior tamaño. Tamén se mellorará a entrada de peregrinos e veciños á praza do Porto dende a travesía homónima.

Por último, o proxecto actuará sobre a praza da Madalena, eliminando elementos que dificultan a visibilidade dos monumentos e comunicando a praza coas rúas próximas. Todo se fará eliminan barreiras arquitectónicas actualmente existentes.

O proxecto arrinca coa expropiación, xa notificada, do edificio no número 6 da rúa da Madalena. Será derrubado para posibilitar os traballos, que se estenderán durante catro anos en distintas fases. O orzamento total será de dous millóns de euros.

A humanización constará de varias fases. A primeira, a expropiación do inmoble situado na rúa da Madalena número 6, que está vinculada ao Ames Progresas 2021 – 2023. Dita expropiación xa foi aprobada en Xunta de Goberno Local e notificada aos propietarios do inmoble. Unha vez a vivenda sexa de titularidade municipal poderase proceder ao seu derribo. A partir de aí poderase desenvolver o proxecto de humanización que se pretende executar nos vindeiros catro anos. O proxecto ten un orzamento estimado de preto de 2 millóns de euros.

Á presentación do proxecto acudiron o alcalde, Blas García, xunto co edil de Urbanismo, Víctor Fernández, e mais o de Obras, Gustavo Nieto. Tamén estivo presente o exconcelleiro de Ames Novo Quique Costas, que foi quen propuxo durante a negociación duns orzamentos municipais un estudo sobre este proxecto.

“A presentación deste proxecto enmárcase nesa liña emprendida polo Goberno municipal de recuperar espazos públicos para os peóns e facer un entorno urbanístico máis amable”, asegurou Víctor Fernández, referíndose á vivenda expropiada como “un punto negro a nivel urbanístico dentro do noso concello” cuxa eliminación “dende hai tempo a veciñanza do Milladoiro está reclamando”.  

O concelleiro de Urbanismo tamén explicou que “a idea é empezar a humanización dende a rúa da Madalena, lugar onde se atopa esta vivenda que se pretende derribar, cara as rúas Estivada de Castelao e das Camelias”. “O que se trata é de gañar espazo para a cidadanía e faríase unha imporante rehabilitación urbanística nesta zona do Milladoiro”, rematou.

O alcalde de Ames, Blas García, recoñeceu que “este proxecto parte dunha achega feita por Quique Costas” e explico que “o gran cambio que se fai nesta zona, ademais de derribar esta casa, é crear unha zona de transición entre a rúa Madalena e a rúa Estivada de Castelao, habilitando novas zonas verdes e máis espazo de uso social para a veciñanza”. O rexedor tamén explicou que “a nosa intención é continuar humanizando os núcleos urbanos recuperando espazos para as persoas” e por tanto “esta non é unha actuación illada, senón que é unha actuación que vai ligada aos proxectos que fixemos no Milladoiro como foi a recuperación da zona verde que está situada ao carón do instituto e da zona deportiva, así como a creación dos percorridos ambientais que parten dende a rúa do Rego”. Tamén vinculou este proxecto a outros como a humanización da avenida de Rosalía de Castro e a creación do centro deportivo do Milladoiro.