Preto de 70 familias beneficiarias do Programa Municipal de Alimentos recibiron lotes con doces de Nadal

46

As familias que acoden semanalmente aos almacéns de alimentos do Milladoiro e Bertamiráns están a recibir lotes con doces tradicionais do Nadal durante estas últimas semanas de ano. Preto de 70 unidades familiares xa se beneficiaron destas entregas, posibles grazas ao aporte habitual do Banco de Alimentos Rías Altas, así como a varias campañas de doazóns no Colexio Trisquel, da Silvouta, e no IES de Ames, de Bertamiráns. Ademais, a comezos de decembro este programa municipal  repartiu a preto de 180 familias alimentos non perecedoiros, procedentes do FEAD (Fondo de axuda europea para as persoas máis desfavorecidas).

De maneira habitual o Programa Municipal de Alimentos realiza campañas especiais coa chegada do Nadal, como a elaboración de menús de Noiteboa ou o reparto de confeitos, que volve neste ano 2021. Ata o momento foron repartidos uns 70 lotes de doces de Nadal nas entregas semanais de alimentos realizadas nos almacéns do Milladoiro e de Bertamiráns, preparados grazas a dúas campañas de doazóns no IES de Ames (Bertamiráns) e no Colexio Trisquel (A Silvouta) e á colaboración habitual co Banco de Alimentos Rías Altas, que dota de provisións ao programa durante todo o ano.

Estas entregas especiais durante o mes de decembro súmanse ao segundo dos dous grandes repartimentos de alimentos non perecedoiros con fondos procedentes do FEAD (Fondo de axuda europea para as persoas máis desfavorecidas). Arredor de 90 familias no Milladoiro e 85 en Bertamiráns recolleron estes lotes os días 1 e 2 de decembro, días nos que colaboraron persoal municipal e voluntariado para repartir alimentos básicos, como conservas, pasta, arroz, aceite, legumes, leite, galletas e alimentos infantís, atendendo ás necesidades específicas de cada familia.

O Programa Municipal de Alimentos está xestionado pola Concellaría de Benestar Social. As súas provisións proceden principalmente de tres programas: do fondo de axuda europea para as persoas máis desfavorecidas, do fondo galego de garantía agraria e do banco de alimentos Rías Altas. A próxima gran repartición de non perecedoiros da FEAD terá lugar entre marzo e abril de 2022, segundo previsións dos técnicos municipais.