Queixas polas incidencias na liña Portomouro-Compostela

174

Continúan os problemas no transporte público interurbano en Ames. O alcalde, Blas García, faise eco nunha carta enviada ao director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro, das queixas de varias asociacións veciñais en relación con incidencias na liña de Portomouro a Compostela. A carta acompáñase das asinaturas das asociacións de Tapia, Piñeiro, Covas, As Tres Aldeas (Vilar, Pedrouzos e Lamas) e Ames (Pedra do Fuso).

A veciñanza expresa así a súa preocupación polos cambios que ultimamente vén sufrindo a ruta de transporte metropolitano XG8040601: Santiago E.I.-Portomouro, que afecta as paradas de Augapesada, Cruxeiras, Tapia, Vilouta, Covas e San Mamede de Piñeiro, en catro parroquias distintas dentro de Ames como son Covas, Ames, Tapia e Piñeiro. Blas García demanda na misiva que se cumpra co estipulado na licitación.

Por outra banda, o rexedor recolle outras queixas detectadas como o fallo dos lectores de tarxeta-bono, de forma que non se contabiliza o número de pasaxeiros, ou o feito de que os billetes expedidos non recollan o traxecto real do pasaxeiro e poñan por defecto que a viaxe chega ata Roxos. Tamén se teñen producido, denuncian o veciño, incumprimentos de traxecto completo ou desvíos da ruta. Ademais, afirman que non se cumpren os horarios e que “en moitas das viaxes os autobuses pasan antes de tempo, con un atraso importante ou simplemente non pasan”.

Estas incidencias afectan gravemente a moitos veciños á hora de ir traballar, ao médico, desprazarse ao centro de estudos ou calquera outro trámite. Blas García fai fincapé na importancia “dun transporte de calidade que sirva como servizo de comunicación entre as zonas rurais e as zonas urbanas e máis poboadas”. O alcalde amesán considera isto “chave” para “un bo sistema de comunicacións que permita os traslados e viaxes con normalidade”.

A veciñanza afectada, tanto a nivel particular como a través das asociacións veciñais xa puxeron en coñecemento da Consellería de Mobilidade e do Concello de Ames o trastorno que lle ocasionaron estes cambios, e desde o Concello de Ames deuse traslado por rexistro á Consellería de Mobilidade e á empresa Monbus.

Tanto o alcalde como as asociacións veciñais reclaman unha xuntanza en persoa co director xeral.