Queixas polo funcionamento do transporte metropolitano en Ames

198

A Concellaría de Mobilidade de Ames anunciou hoxe que trasladou á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia varias queixas recibidas por parte da asociación de veciños Pedra do Fuso, que aglutina á veciñanza das parroquias de Piñeiro, Ames e Covas, sobre o mal funcionamento do servizo de transporte metropolitano. Os veciños solicitan que se restableza o servizo coa normalidade e frecuencias establecidas dende hai anos pola empresa anteriormente concesionaria da ruta Piñeiro – Santiago de Compostela.

A asociación denuncua que se suprimiron servizos de autobús cando os necesitan para cubrir outras rutas sen notificación aos usuarios. Outra das queixas expostas son a supresión de xeito definitivo do servizo con horario de saída de Santiago de Compostela ás 13h. A falta de información sobre este cambio provocou o abandono dos usuarios do servizo nas paradas en varias ocasións. Tamén se suprimiron os servizos con saída de Piñeiro, dirección Santiago de Compostela, dende as 10.50h ata as 17h.

Por outra banda, alteráronse os horarios das rutas pasando algunhas veces antes do horario establecido en cada parada. Tamén se alterou o número real de pasaxeiros nalgún viaxe, non cobrando o importe do servizo e alegando que o lector da tarxeta-bono non funciona por falta de cobertura.

Dende a asociación de veciños Pedra do Fuso entenden que este comportamento da empresa concesionaria do servizo de transporte metropolitano pode ser premeditado para xustificar a retirada de frecuencias por falta de usuarios.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “de novo dende o Concello de Ames temos que poñernos en contacto coa Dirección Xeral de Mobilidade, para dar a coñecer cal é a situación na que se encontra a veciñanza amesá no eido do servizo de transporte metropolitano, que discorre polo noso municipio, e que se está a prestar neste momento”.