Servizo municipal de información para cuestións laborais derivadas do COVID-19

300

A declaración do estado de alarma e mais o endurecemento das medidas de confinamento que seguiu limitaron dun xeito moi importante a actividade económica. O Concello entende que ” as traballadoras e traballadores, autónomos e as empresas encóntrase nunha situación complexa e de incerteza”. O Goberno local entende que “estas cuestións crean fonda preocupación nas familias ao non saber que vai pasar cos seus empregos por conta propia ou allea, ou por dúbidas respecto as súas pequenas e medianas empresas, así como o descoñecemento sobre cales serán os medios económicos cos que pode contar a unidade familiar neste período, para facer fronte as súas obrigas particulares mentres dure esta situación extraordinaria”. É por iso que veñen de ampliar o servizo de información do departamento municipal de emprego. 

O Concello reitera así que está “a disposición da veciñanza para poder atender as súas dúbidas no ámbito laboral, e tentar facilitar o acceso a toda a información que lle atinxa”. Estas dúbidas, poden ser derivadas por traballadoras e traballadores que se ven afectados ou poden sufrir un ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) e autónomas/os que tamén se vexan afectados pola situación.


Ademais, ten en conta as novas medidas aprobadas polo Goberno do Estado nos pasados Consellos de Ministros que afectan ás persoas traballadoras temporais que ven finalizados os seus contratos e que poderán acollerse a un subsidio de desemprego.

Así mesmo, tamén se aprobaron novas medidas para as traballadoras do fogar, para as que se estableceu unha prestación especifica cando tivesen que deixar de prestar servizos total ou parcialmente a consecuencia do estado de alarma.