Un detido tras unha persecución de 8 quilómetros entre a Ramallosa e o Milladoiro

156

Un veciño de Ribeira foi detido o pasado día 15 no Milladoiro logo de 8 quilómetros de persecución dende Teo. Impútanselle varios delitos como roubo, falsidade documental e conducción temeraria. Durante a súa fuga causou feridas a dúas persoas.

Os feitos sucederon logo de que unha patrulla da Garda Civil o avistase na Ramallosa, en Teo, cando circulaba nun vehículo vermello sen matrícula dianteira. Foran previamente informados do roubo dun vehículo idéntico ese mesmo día no propio municipio de Teo. Cando lle deron o alto, o condutor deuse á fuga.

A persecución estendeuse durante oito quilómetros, e o detido chegou a circular pola beirarrúa no Milladoiro -momento en que ocasionou as lesións a dúas persoas noutro vehículo e danos nun local-. A densidade do tráfico obrigouno a deterse e continuar a fuga a pé polas rúas do Milladoiro. Foi finalmente interceptado en Agro do Medio.

Os axentes confirmaron que o vehículo fora roubado en Pontevea e que a matrícula traseira non correspondía. Tamén descubriron que o condutor perdera todos os puntos do carnet de conducir. O detido foi posto a disposición xudicial.