“Vaia Banda! Vaia circo!” de Odaiko, o 1 de agosto no Milladoiro

450

O grupo Odaiko leva o seu espectáculo “Vaia Banda! Vaia Circo!” á explanada da Casa da Cultura do Milladoiro este 1 de agosto ás 21h. Percusión, acrobacias, elementos circenses e música virtuosa están presentes neste espectáculo que desde o seu nacemento foi visto xa por máis de 25.000 espectadores e que adoita congregar a un público familiar. A actividade, patrocinada pola Rede Cultural da Deputación de A Coruña, encádrase no programa Ameson de fomento dos sectores culturais e económicos de Ames. A entrada é de balde e o aforo limitado por mor das medidas de seguridade.

Como se de un «circo desastre» se tratara, Odaiko monta o seu propio espectáculo circense no que os elementos de percusión van ser os materiais que servan de base para as súas acrobacias. Baquetas que voan, tambores utilizados como aveños de circo, instrumentos manufacturados e música do máis virtuosa en directo, serán os elementos que farán deste «circo» un espectáculo para que o público desperte o inxenio e se achegue ao fermoso mundo do espectáculo «cirpercutiense». Odaiko adéntrase neste espectáculo didáctico facendo fincapé en nos tres elementos que o caracterizan como banda: o virtuosismo, o humor e a posta en escena.

Odaiko é un grupo de percusión contemporánea que fusiona jazz, flamenco, folk e sons tradicionais de lugares como a India ou Senegal. Juan Collazo, Antonio Ocampo, Félix Rodríguez e Fran Troncoso, todos eles músicos multidisciplinares de reputada traxectoria, son os compoñentes, cunha carreira que percorreu festivais tan importantes como Steve Reich Festival (Holanda), o Stok Leuven Contemporain Festival de Bélxica, o Convención Internacional de Percusión de Taipei ou o Nancy Zeltsman Festival e o Zeltsman Marimba Festival de Estados Unidos. Odaiko encárgase na actualidade da organización do Festival Internacional de Percusión, que se realiza nos primeiros días de agosto nos pendellos de Agolada.