“Ames Cultural 2024” inclúe 12 espectáculos de teatro e danza para o primeiro semestre

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da programación municipal de artes escénicas para o primeiro semestre de 2024. Ao acto asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; e o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil.

Tamén estiveron presentes algúns dos integrantes do elenco artístico das distintas compañías de teatro e danza que conforman a oferta deste primeiro semestre: Artur Trillo, de Talía Teatro; Xavier Estévez, de Teatro do Noroeste; Fina Calleja, de Sarabela Teatro; Roberto Leal e Rubén Porto, de Redrum Teatro; Laura Villaverde, de ArtesaCía; Elisardo de la Cruz, de Empatía Teatro; Emi Candal responsable de Urdime, empresa distribuidora de Ceibe de Fran Sieira; Xesús Ron, do Grupo Chévere; Carmen Méndez e Marta Doviro, de Etiqueta Negra.

Para pechar o acto, Cristina Botrán e Anna García, alumnas da Escola Municipal de Teatro de Ames representaron unha pequena performance, co obxectivo de poñer en valor a importancia das representacións teatrais nas vilas.

O programa presentado está conformado por un total de doce representacións, das que dez serán de teatro e dúas de danza, e que se distribuirán de maneira equitativa entre os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro. As propostas abarcan actuacións tanto para adultos como para público familiar. Ademais, inclúese unha ampla oferta de xéneros, teatro de comedia, contemporáneo e drama, así como danza tradicional e contemporánea.

O orzamento total investido ascende a 48.909 euros, dos cales 22.213,50 euros foron aportados polo Concello de Ames, e os 26.695,50 euros restantes, pola Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). Estas programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, explicou que detrás da maioría dos espectáculos están compañías que, ademais de ser galegas, gardan relación directa co concello de Ames. Tamén sinalou que a ampla oferta deste primeiro semestre responde á vontade do departamento de buscar “calidade artística, pero tamén variedade de contidos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *