“Sen conciliación non hai igualdade real”

283

A Traballadora Social Laura Costoya impartirá mañá o obradoiro Cara onde vou? Claves para mellorar a empregabilidade dentro das xornadas ‘Acércate á igualdade’ que organiza a Concellería de Benestar Social. Costoya é unha apaixonada do Emprendemento e do Desenvolvemento Persoal. Na súa empresa, axuda ás persoas para descubrir e rendibilizar os seus talentos. É a xerente de Starcoach, onde desempeña labores de Coach e Mentora para axudar aos seus clientes alcanzar as súas metas establecendo plans estratéxicos e potenciando as súas habilidades. Tamén é socia fundadora de Galemprende, un proxecto creado para ofrecer formación e acompañamento no proceso de emprendemento e fortalecer o tecido empresarial galego. Conversamos con ela sobre a súa iniciativa.

Cal é o obxectivo do obradoiro Cara onde vou? Claves para mellorar a empregabilidade?
O obxectivo da actividade é que sexamos conscientes de que a igualdade repercute en todos os ámbitos da vida. Aínda que parece que as mulleres imos acadando pouco a pouco o noso espazo no mundo empresarial, ao final temos que loitar con moitos muros, tanto visibles como invisibles. A miña idea é poñernos diante dun espello, como mulleres, para podermos detectar calquera situación onde é importante que teñamos o noso espazo. Unha vez que eu consiga poñernos en situación, definiremos un obxectivo profesional, cadaquén no seu ámbito: procura de emprego, empresarial… A partir de aí iremos desentrañando un plan de acción con perspectiva de xénero. Que podemos facer nós dende a nosa posición, como podemos amosarnos e adquirir máis repercusión nos nosos ámbitos profesionales?

A quen vai dirixido o obradoiro?
Pola miña contorna, pola xente que sei que está a apuntarse, falamos de mulleres entre 25 e 50 anos que se reformulan a súa vida profesional -pola COVID ou porque xa chegaran anteriormente a este proceso- e queren seguir indagando e descubrindo novas perspectivas para sermos cada vez máis competitivas no terreo profesional.

A situación laboral da muller tamén cambia segundo a idade?
A situación é moi diferente dunhas a outras: hai quen está no primeiro traballo, quen ten máis experiencia… Pero na actividade faremos un camiño moi persoal. Terán que reflectir sobre preguntas que lles darán respostas sobre si mesmas, non respostas xenéricas. Eu penso que vai servir para calquera delas. Se algún home se animase a vir, tamén descubriría aspectos moi interesantes sobre a complexidade do mercado laboral para todos e todas.

E cales son esas diferenzas no mercado laboral entre homes e mulleres?
A grande asignatura pendente da igualdade real é a conciliación. Sen unha normativa que nos ampare e axude a soster a maternidade, é moi complexo que esteamos no mesmo nivel competitivo. Mesmo tendo parellas moi colaboradoras e participativas. A realidade é que a maternidade demanda de nós unha presenza que non esixe aos homes. Esa é a punta do iceberg. Hai toda unha bagaxe cultural que nos obriga a estar pendentes ás mulleres de cousas que deberían tratarse dende a corresponsabilidade.


Hai estudos que sinalan que dende mediados do mes de novembro as mulleres traballan, de facto, mes e medio gratis en España en relación co soldo dos homes. Como explicarías ese fenómeno?
Pola miña experiencia laboral, eu sei que en mesmos postos de responsabilidade que compañeiros, unha muller gaña menos, a pesar do mesmo contrato. Porque hai variables que van en función dun falso concepto da produtividade onde non se ten en conta o peso familiar que sostemos as mulleres. É como sair xogar un partido de fútbol e un equipo estea en plenitude de facultades contra outro atado de pés e mans. Hai moitas variables que inflúen no salario final e non só non se ven recoñecidas, senón que se ven penalizadas. Hai ademais unha situación evidente: a porcentaxe de redución de xornada por coidados de persoas dependentes -pais, nais, e mesmo sogras e sogros- corresponde maioritariamente ás mulleres. Deberiamos buscar o xeito de valorar economicamente todas esas funcións. Para que os homes poidan dar o mellor de si no seu día a día dependen de que nós esteamos aí sostendo toda a estrutura familiar.

Hai algún aspecto que queiras destacar da actividade que vas impartir?
A miña intención é comezar con algo que nos poña en contexto. Eu convido a que as persoas se apunten. Eu son feminista e creo que teño unha perspectiva de xénero moi clara, e intento sempre educar ao meu fillo en igualdade. Pero resulta que cando me atopei coa necesidade de organizar esta charla caín. Deime conta de que todo o peso que histórica, cultural e transxeracionalmente traemos é que ás veces non levamos os lentes axeitados para ver a realidade tal cal é. Imos pór á audiencia en situación de dar unha resposta, e desa resposta descubriremos que aínda hai moitas cousas que mudar na sociedade para que haxa unha igualdade real.