Volta a casa dos rapaces do campamento Mar de Cangas

Os 28 rapaces e rapazas que participaron no campamento Mar de Cangas xa están de volta en Ames despois dunha semana na que tiveron a oportunidade de practicar deportes náuticos.

549

O feito de que os rapaces e as rapazas só puideran utilizar o teléfono móbil durante unha hora ao día é unha das cuestións que valoran os pais e as nais

O mellor: todo”. Con esta contundencia expresáronse Nuria, Damián e Gonzalo que esta mañá, como resto dos rapaces e rapazas que acudiron ao campamento, abrazaban aos seus familiares ao pé do autobús que os traía de volta a casa, ao tempo que, con tristura e promesas de verse pronto, se despedían dos compañeiros e compañeiras de campamento. Os tres falaron marabillas das actividades da praia, das excursións, das festas nocturnas e da fortuna de ter coñecido moitos e moitas amigas novas: “coincidimos con outra excursión de Santiago de Compostela e agora as axendas dos teléfonos veñen repletas de contactos novos; quizais para este verán xa haxa unha quedada”.

O feito de que os rapaces e as rapazas só puideran utilizar o teléfono móbil durante unha hora ao día é unha das cuestións que valoran os pais e as nais. Para Pili, a mamá de Damián “esta desintoxicación de móbil é algo moi positivo porque hoxe non é fácil velos sen ese enganche por moito tempo”. Tamén valora moito esta nai a unión entre os rapaces e a aprendizaxe que a nivel de “independencia e autonomía” adquiren nos campamentos. Algo que gaba tamén Pablo, o papá de Magdalena, matizando que “é algo que sempre lles vai quedar na memoria como os novos amigos que fan e aos que xa están añorando nada máis baixan do autobús”.

A meteoroloxía condicionou algunhas das actividades previstas para este campamento, de xeito que se suprimiu unha tarde de praia pola ola de calor e unha mañá pola chuvia

Erea, xunto co Xabi e Helena, exerceron como monitor e monitoras deste campamento. Os tres concordan que foi doado traballar con estes rapaces e estas rapazas: “É un grupo moi dinámico, xa se coñecen e fixeron que todo fora moi fácil, gozaron moito das actividades de praia, das veladas, das excursións e incluso se adaptaron pronto a estar sen móbil, iso si, podían telo unha hora ao día para comunicar coa familia ou falar coa familia e a esa hora parecía que non existía nada no mundo”.

Helena, que nesta ocasión actuou como directora do campamento quixo agradecer a atención das cociñeiras “cociñaron todo alí e todo estaba bo, ademais foi un menú do máis saudable como moita froita, verdura, peixe…” Dos menús tamén falaron Nuria, Damián e Gonzalo para expresar que “si que estivo moi ben, pero que xa tiñamos ganas dun pouco de comida lixo e gozamos moito na festa de despedida de onte á noite coas patacas fritas e os refrescos”

A meteoroloxía condicionou algunhas das actividades previstas para este campamento, de xeito que se suprimiu unha tarde de praia pola ola de calor e unha mañá pola chuvia. Os monitores buscaron actividades alternativas en consenso coas preferencias dos rapaces e as rapazas. Tamén a ausencia de olas na praia dificultou as prácticas previstas de surf. “Aínda así case todos e todas conseguiron manterse de pé na táboa e gozaron moito do resto das actividades deportivas que realizamos na praia e no mar”, comentan os monitores.